Caderno de bitácora: Confint-ESP 2012 en Vitoria-Gasteiz (Introdución)
Inicio aquí un pequeno diario das miñas experiencias na Confint-ESP 2012 que se está a celebrar en Vitoria-Gasteiz, no fermoso mosteiro de Barria, e no que estamos a participar alumnado, profesorado e delegados medioambientais de cinco comunidades autónomas (Canarias, Euskadi, Catalunya, Madrid e Galiza), e no que tamén hai observadores de La Rioja e de Franza.
Mais antes de iniciar co diario, é mellor explicar un pouco en que consiste a Confint.
A Confint (conferencia internacional infanto-xuvenil para o coidado do planeta) é unha campaña pedagóxica internacional dirixida á comunidade escolar de entre 12 e 15 anos.
Concíbese como unha iniciativa de construción social onde as opinións dos máis novos son valoradas e respectadas, instando ao intercambio, a deliberación e o acordo de propostas. Como resultado deste proceso elíxense aos representantes que expoñerán as súas ideas a nivel rexional, estatal e continental ata chegar ao ámbito internacional definido polo Cumio de Río+20, onde se dará forma á mensaxe a trasladar ás autoridades políticas sobre os problemas medioambientais (tanto locais como globais),que afectan ao noso planeta Terra.
Os obxectivos da Confint son:
- Empoderar a opinión dos xóvenes de todo o mundo promovendo o intercambio de experiencias e sensibilidades.
- Promover a asunción de responsabilidades individuais e colectivas para procurar o coidado do noso planeta.
- Contribuir ao fortalecemento da Década da Educación para o Desenvolvemento Sostible (ONU/UNESCO).
As distintas etapas polas que discorre a Conferencia Internacional Infanto-Xuvenil teñen un marcado carácter interactivo e de amplo alcance, mobilizando a estudantes, docentes e comunidades locais.
O PRECEDENTE DA CONFINT- 2010
Na CONFINT-2010 celebrada en Río elaborouse unha carta de responsabilidades dos mozos do planeta, na que se inclúe unha serie de prácticas que priorizan, entre outras cuestións, o uso eficiente dos recursos, apostando por un consumo responsable; a redución da contaminación da auga e das emisións de gases de efecto invernadoiro, contando para isto co apoio do goberno e o tecido empresarial; a estimulación da agricultura sostible, libre de agrotóxicos e transxénicos; o fortalecemento da educación e a cultura ambiental, instando á activa participación da cidadanía na preservación do medio ambiente; a creación de grupos ecolóxicos que protexan a biodiversidade; a promoción do transporte limpo; e o fomento da política das cinco Rs (reflexionar, rexeitar, reducir, reutilizar e reciclar).
One Response to “Caderno de bitácora: Confint-ESP 2012 en Vitoria-Gasteiz (Introdución)”
[...] – http://participarmos.blogaliza.org/2012/01/26/caderno-de-bitacora-confint-esp-2012-en-vitoria-gasteiz-introducion/ [...]
Deixa unha resposta